Sunday 05 de May de 2024

O alcalde de Noia agarda poder abrir o Casino á veciñanza en dous o tres meses


Santiago Freire salienta que coa rehabilitación do inmoble “dotamos ao edificio de accesibilidade, recuperamos a fisionomía inicial e puxemos en valor un edificio cunha simboloxía especial para Noia”

O Casino de Noia volverá a abrir as súas portas á veciñanza en dous ou tres meses. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Noia, Santiago Freire, durante unha visita ao inmoble, na que puido comprobar os resultados dos traballos de restauración do inmoble, “un edificio que ten unha simboloxía especial para Noia”. Unha visita na que estivo acompañado polas concelleiras de Relacións Veciñais, Ana Belén García Vidal; e Medio Ambiente, Ángela Neri Arufe; e polos concelleiros de Xuventude, Ramón Santos Pérez; e Economía, Juan Ramón González Oviedo.

Freire Abeijó explicou que “esperamos que en dous ou tres meses o Casino poida estar a disposición dos veciños e veciñas de Noia” xa que agora toca dotar de mobiliario ao inmoble. “Estamos en xestións coa Consellería de Cultura para dotalo de mobiliario”, adianta o alcalde noiés, quen indica que “poderíamos abrilo co mobiliario que temos, pero pensamos que o mellor é abrilo á veciñanza cando estea completamente rematado”. Así mesmo, está previsto tamén reforzar a iluminación exterior do inmoble.

A comitiva oficial percorreu as plantas do edificio, onde comprobaron o resultado dos traballos de restauración do edificio, que permitiron recuperar elementos orixinais do Casino como as vidrieras, os pasamáns de madeira das escaleiras, as portas.. incluso os radiadores, que terán unha función meramente decorativa xa que o inmoble conta tamén con modernas comodidades como a iluminación interior ou a calefacción. Un exemplo dese minucioso traballo está no chan, no que se recuperou a estética en madeira do Casino orixinal.

“Con esta rehabilitación conseguimos tres obxectivos: dotamos ao edificio de accesibilidade, cun ascensor que dá acceso a todas as plantas, recuperamos a fisionomía inicial do Casino e puxemos en valor un edificio histórico, cunha simboloxía especial para Noia e emprazado nun lugar privilexiado, polo que vai permitir que teña distintos usos e complemente as actividades que actualmente se desenvolven na Casa da Cultura ou na Casa do Concello”, explicou Santiago Freire.

Así, a planta baixa do inmoble acollerá a oficina de información turística, mentres que na primeira planta se instalará unha sala de conferencias e exposicións con capacidade para 120 butacas. Na segunda planta e no baixo cuberta quedarán espazos expositivos para distintos utilidades.

O Casino de Noia é un edifico singular construído no 1928 polo canteiro Pepe da Águila. Os seus muros son de canteiría e conta con dúas columnas de gran tamaño e de estilo xónico, que se levantan na parte interior dun gran ventanal na planta baixa. Os balcóns, o elemento máis destacables da fachada, teñen varanda de pedra maioritariamente que, na parte central da segunda planta, é substituído polo ferro.